helena1Nas terras de Ancares hai unha comarca becerrense, Cancelada, con parroquias e aldeas de nomes eufónicos: Tucende, A Cortella, Vilamane, Donín, Fraián, Castel de María, Bullán, Valcova, Pumarín… Antano produciu aceite e viño, e as cereixas máis temperás da comarca son de Balaxaz, cerca do Navia. O nome de Cancelada engádeselle sobre todo á parroquia de Quintá.

Das ladeiras da aldea que leva este nome baixan dous pequenos ríos que produciron, con dínamo, electricidade xestionada pola veciñanza nos primeiros anos dos sesenta. Usuaria do agasallo que afogaban as follas cada pouco, agradecía apagar o candil de carburo que guindaba fogonazos que asustaban. Non chegou cedo o progreso e seguiu perdendo oportunidades de desenvolvemento e moita poboación, a maiores do problema demográfico de Galicia. A pesar das posibilidades agrícolas e gandeiras, e grandes recursos para o turismo ecolóxico, aquelas terras parecen condenadas ao despoboamento a curto prazo e á destrución do seu patrimonio etnográfico a natural.

Conta, iso si, coa riqueza humana de persoas que tiveron que ir buscar o pan a outros lugares. Algunhas, de paso que o gañaban, fixeron estudos superiores e hoxe saben valorar, desde a cultura de libro e a comparación con outros lugares, un paraíso abandonado. E quéreno rescatar do desleixo no que os gobernantes o deixaron. Atopan axuda e entusiasmo nalgúns habitantes, entre eles emigrantes retornados, que ven con señardade como se desmorona o seu mundo e non se substitúe por outro que o mellore nin que o iguale sequera. Teño diante o escrito dun vello alcalde pedáneo que xa só confía na asociación Castaño y Nogal promotora da recuperación do patrimonio e da paisaxe co voluntariado dun Campo de Traballo Internacional. Ansía este octoxenario ter ADSL e WIFI para que a xente de fóra teña noticias do que alí se está a perder.

A asociación promove un plan trienal e convoca este fin de agosto mozas de México, Chequia, Polonia, Italia e Euskadi, e un mozo alemán. En agradecemento ao labor altruísta das once persoas con experiencia no traballo, organízalles un concerto poético-musical o día 27. Castaño y Nogal conta coa entrega de profesionais que residen na Coruña, o respaldo do Concello de Becerreá e firmas comerciais que aportan comida e materiais para o voluntariado.

Helena Villar Janeiro

Publicado en «El Correo Gallego» o día 12 de agosto do 2011

Los comentarios están cerrados.