Hemeroteca del 26 enero, 2021

O vicerreitorado do Campus de Lugo foi o lugar elixido para dar a coñecer os finalistas desta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que convocan a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Aresa.

Os cinco membros do xurado, composto por Antonio López Díaz, reitor da USC; Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa; Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo; Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren, e María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, reuníronse esta tarde no vicerreitorado do Campus lucense para avaliar as dezaseis candidaturas presentadas e deron a coñecer os nomes das catro finalistas desta vixésimo primeira edición do Premio Aresa.  

Neste ano, marcado pola inesperada chegada da covid-19 e o constante esforzo do sector por se adaptar a esta nova realidade, o xurado valorou con especial atención as iniciativas que redefiniran o seu modelo de negocio durante a pandemia, creasen un novo proxecto ou axudasen a outros, sen esquecerse da finalidade esencial do Premio, que é recoñecer entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúen de forma decisiva a crear riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro, xerando postos de traballo de calidade no rural, poñendo en valor os produtos da terra, recuperando subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e buscando innovar en produtos e métodos produtivos.

Así, segundo anunciaron, as candidaturas finalistas elixidas por unanimidade por cumprir con todos os requisitos das bases do Premio son Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos, Cooperativa A Carqueixa e Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa, presentada por Pablo Sánchez Quinteiro.

O gañador do XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, dotado cunha placa conmemorativa e 10.000 euros, darase a coñecer o vindeiro 11 de febreiro ás 12:30 h nunha gala que será transmitida por streaming.

CENTRO DE PROMOCIÓN RURAL-EFA FONTEBOA

Entre os finalistas, o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa xorde no ano 1975 como unha iniciativa social para dar resposta ás necesidades de formación do medio rural e desde ese ano leva graduado a uns 1.100 estudantes en Formación Profesional Agraria, a maioría dos cales están incorporados a explotacións agrarias e contribúen no fortalecemento do tecido económico e social dos concellos rurais.

Ademais dos méritos das catro elixidas, recoñeceron a calidade do resto de propostas presentadas: Cátedra Da Cunha do pan e do cereal, de Ángeles Romero e Santiago Pereira (Campus Terra da USC); Aeiroá; O Mundo do Souto; H2GZ Terrazas Agrícolas Robotizadas en Mondoñedo; Muuhlloa; As vacas da Ulloa SCG; Trigo y Limpio; Gandería Quintián; Sistema comunal de xestión da Comunidade Montes Veciñais en Man Común de Couso (Pontevedra); Verín Biocoop SCG; Corazón de Carballo, e Conservas do Támega.

Comentarios Comentarios desactivados en O Centro de Promoción Rural EFA – FONTEBOA de Coristanco, finalista do XXI Premio Aresa