A GALICIA élle necesario buscar solucións urxentes para deter o abandono do rural. Na alta montaña luguesa, hai que protexer tesouros herdados (casas de pedra, muíños, ouriceiras, batáns, arboreda autóctona, costumes, gastronomía…) e preparar aos moradores para sacar desta riqueza solucións económicas. Hai que darlles seguranza de que o que consideran causa do seu atraso é consumo apetecido pola sociedade máis avanzada. Cómpre unha acción pedagóxico-política que valore a contorna e a desenvolva de acordo coas características dun hábitat tan especial.

A nosa paisanía non é menos intelixente que a asturiana. Non está establecida en peores terras nin ten condición climáticas máis adversas. Pero aquela poboación atopou o modo de vivir dignamente onde o fixeran os antepasados. Se miramos a Europa, ao pé dos Alpes, o inverno cobre de neve as aldeas e paraliza as súas actividades, mais a xente aprendeu a utilizar a neve como riqueza turística mentres ten estabulado o gando e durmidas as terras. O mundo rural europeo buscou solucións e a nosa montaña non pode quedar á marxe porque non merecer morrer como hábitat humano nunha valiosa paisaxe.

helena_quinta

Helena Villar Janeiro en Quintá, ó 29 de outubro de 2011

Ninguén dubida de que se precisan cambios que nos fagan máis solidarios, máis adaptables aos mesmos cambios inaprazables, máis escrupulosos en respectar os dereitos do próximo e en asumir as obrigas cidadás buscando solucións éticas e colectivas para os problemas. Mais os cambios que prosperan son a perda dos valores culturais e do patrimonio herdados, a substitución do propio polo alleo, a resignación a que nos manexen os poderes económicos, se incumpran as promesas e se abandonen os deberes. O resultado de todo isto aplicado a unha terra de difícil mecanización pola dura orografía anuncia a curto prazo a súa conversión en poula verde e, como moito, un lugar de regreso vacacional dos emigrados.

Que nunha parroquia de 24 quilómetros cadrados non haxa máis que un neno menor de doce anos é un sinal inequívoco de deshabitación a moi curto prazo. A soidade deste meniño non é máis que un anticipo da soidade da terra. Entre tanto, aí está a desconfianza dos vellos e o cansanzo das persoas próximas á xubilación que están mantendo as casas abertas coa sospeita de seren os derradeiros habitantes duns lugares que para as miradas alleas parecen un paraíso.

HELENA VILLAR JANEIRO, escritora

Artigo publicado en El Correo Gallego, descargable en el siguiente enlace:
http://www.elcorreogallego.es/opinion/ecg/abandonodo-rural/idEdicion-2011-11-11/idNoticia-712284/

Los comentarios están cerrados.